CURSO DE EXTENSIÓN UNIVERSITARIA "Ourense 2030: Desenvolvemento Turístico Rural"

Novas
10/06/2022
Programa

O Colexio de Economistas de Ourense coorganiza coa Universidade de Vigo, o Curso "Ourense 2030: Desenvolvemento turístico rural". Será esta a segunda vez que a corporación de economistas pon en marcha un Curso de Extensión Universitaria en colaboración coa Facultade de CC.EE. e Turismo de Ourense.

Esta actividade de Extensión Universitaria, é un servizo á comunidade universitaria e á sociedade en xeral, produto do compromiso que o Colexio de Economistas de Ourense mantén desde hai anos coa Universidade de Vigo amparado polo acordo de colaboración existente entre ambas as institucións. Trátase dunha acción formativa que se caracteriza pola súa calidade científica e interese social, e está orientada a complementar o estudo curricular dos estudantes, actualizar a formación dos profesionais, difundir os avances científicos entre os universitarios e o resto da sociedade, e reflexionar, debater e proxectar o desenvolvemento cultural, económico e social da provincia de Ourense.
 

A través desta iniciativa, os/as asistentes terán a posibilidade de coñecer a importancia do turismo como motor de desenvolvemento no rural, ademais de proporcionarlles certos coñecementos  teórico-prácticos, de tipo estratéxico, económico, financeiro e organizacional en material de turismo rural, así como a transmisión de ferramentas prácticas para o desenvolvemento dun proxecto de Turismo rural.

O curso terá unha duración de 30 horas, e desenvolverase os días 5,6,7,8,9,12 e 13 de setembro, incluíndo sesións teórico-prácticas e visitas a empresas que desenvolven unha actividade relacionada co contido do curso. Colaboran nesta actividade o Museo Etnológico de Ourense, o Parador de Santo Estevo e de Monforte de Lemos, Inorde, Solgaleo, Roberto Verino, S.A. e Grupo Caldaria.

As sesións presenciais celebraranse na Facultade de CC.EE. e Turismo de Ourense e correrán a cargo de académicos e empresarios cuxa actividade se relaciona directa ou indirectamente co sector turístico, que exporán os seus coñecementos e experiencia aos solicitantes das prazas ofertadas a un prezo de 10,00 € para a cidadanía en xeral, 8,00€ para outros colectivos vinculados e 6,50 € para membros da comunidade universitaria.

O prazo de matrícula está aberto e realizarase por internet a través da web campusactivo.uvigo.gal., na que os/as interesados/as poderán obter máis información.